No noso centro educativo apostamos firmemente por unha educación plurilingüe, aberta ao mundo e adaptada ás necesidades da sociedade actual. Consideramos que a aprendizaxe de linguas é unha ferramenta fundamental para o desenvolvemento persoal, académico e social do noso alumnado, favorecendo a comunicación, a convivencia e o respecto pola diversidade cultural.
O alumnado convive diariamente co uso das dúas linguas oficiais da nosa comunidade, o galego e o castelán, promovendo un equilibrio lingüístico que fomenta o coñecemento, o respecto e a valorización da nosa lingua e cultura propias.
Ademais, o centro impulsa a aprendizaxe de linguas estranxeiras desde idades temperás. O Inglés constitúe a primeira Lingua Estranxeira, presente nas distintas etapas educativas e integrada en actividades dinámicas e motivadoras que favorecen a comunicación oral e a comprensión do idioma nun contexto real e significativo.
Na etapa de Educación Secundaria Obrigatoria, o alumnado ten tamén a oportunidade de ampliar a súa formación lingüística coa aprendizaxe do Francés como segunda Lingua Estranxeira, enriquecendo así as súas competencias comunicativas e culturais.
A través do noso proxecto plurilingüe, buscamos formar alumnado competente, tolerante e preparado para desenvolverse nun mundo cada vez máis globalizado, promovendo experiencias educativas que favorezan o contacto con diferentes linguas e culturas.